miércoles, 4 de mayo de 2011

A ENERXÍA NUCLEAR




AS FONTES DE ENERXÍA
As fontes de enerxía son elaboracións naturais máis ou menos complexas, das que o ser humano pode extraer enerxía para realizar un determinado traballo ou obter algunha utilidade.
Desde a prehistoria, na que se descubriu o lume para quentarse, cazar e cociñar alimentos, pasando pola Idade Media na que se construíron muíños de vento para moer cereais, ata os momentos actuais nos que podemos obter enerxía eléctrica do sol ou fusionando o átomo, o ser humano buscou incesantemente fontes de enerxía das que sacou algún proveito.

Segundo a importancia do seu uso as fontes de enerxía podemos clasificalas en tradicionais e alternativas.

As fontes de enerxía tradicionais son as máis empregadas e desde hai tempo se veñen empregando, polo que xa alcanzaron un gran nivel de desenvolvemento. Entre elas se atopan o carbón, o petróleo, o gas natural, a enerxía nuclear de fisión e a hidroeléctrica. Algunhas delas empregan combustibles fósiles, por exemplo, o carbón que foi o motor da Primeira Revolución Industrial e que servíu para alimentar as máquinas de vapor industriais e de tracción ferrocarril, así como nos fogares, ou o petróleo e os seus derivados, principal fonte de enerxía da Segunda Revolución Industrial.

As fontes de enerxía alternativas teñen un uso moito máis escaso, porque a súa tecnología está en fase de investigación ou resulta cara. Entre elas temos as enerxías solar, eólica, xeotérmica, de biomasa, maremotriz,...

O noso modelo de desenvolvemento atópase abocado ao esgotamento dos recursos fósiles, sen posible reposición (non renovables), pois serían necesarios millóns de anos para a súa reposición. Isto provocou que nos últimos anos moitos países industrializados apostasen polo emprego de fontes de enerxía renovables, sobre todo tras a incidencia da Crise do petróleo de 1973.
Moitas destas enerxías teñen as vantaxes de ser inesgotables e limpas, e moito menos contaminantes que as tradicionais. Pero outras son altamente contaminantes e supoñen un risco para o medio e para o ser humano.
A busca de fontes de enerxía inesgotables e o intento dos países industrializados de fornecer as súas economías nacionais reducindo a súa dependencia dos combustibles fósiles, concentrados en territorios extranxeiros trala explotación e casi esgotamento dos recursos propios, levoulles a adopción da enerxía nuclear, cos inconvenientes que presenta: risco de accidentes nucleares (Pensilvania, Ucraína, Xapón), almacenamento dos recursos que produce, moi contaminante, elevado custo de construcción e de desmantelamento das centrais nucleares. Mentres que en aqueles países con suficientes recursos hídricos, púxose en marcha un aproveitamento hidráulico intensivo dos cursos de auga, que levou a construción de presas xigantescas, como podemos observar no caso das presas de Asuán en Exipto e a das Tres Gargantas, en China.

BREVE HISTORIA DA ENERXÍA NUCLEAR
O descubrimento da enerxía nuclear está ligado a Segunda Guerra Mundial e ao desenvolvemento das bombas atómicas que foron lanzadas sobre Hisroshima e Nagasaki en agosto de 1945.
Foi no transcurso desta guerra, cando no ano 1939 unha serie de científicos descubriron que se se bombardeaba un núcleo de uranio cun neutrón produciríase a división do núcleo (fisión). Dita fisión liberaba moita calor e tiña a calidade de romper outros núcleos próximos producindo unha reacción en cadea que xeraba enormes cantidades de enerxía. Posteriormente e tras o lanzamento das bombas atómicas inaugurouse a primeira central nuclear para producir enerxía, en Inglaterra (1956). Nun principio a enerxía nuclear foi moito máis cara que a producida polas centrais térmicas, pero será a crise do petróleo de 1973, a que cambie o panorama e leve a moitos países a apostar por este tipo de enerxía. Non podemos perder de vista que nos momentos actuais temos no mundo 442 reactores nucleares, distribuídos en 29 países (EE.UU. con 104, Francia 58, Xapón 54, Rusia 32, Corea do Sur 21, India 20, Reino Unido 19, Canadá 18, Alemaña 17, Ucraína 15, China 13, Suecia 10, España 8, Bélgica 7, República Checa 6, Suiza 5, Finlandia, Eslovaquia e Hungría 4, Argentina, Bulgaria, México, Pakistán, Romanía e Sudáfrica 2, Armenia, Países Baixos e Eslovenia 1), mentres outras 65 plantas están actualmente en etapa de construcción no mundo.

VANTAXES E INCONVENIENTES DA ENERXÍA NUCLEAR
A enerxía nuclear presenta vantaxes pero tamén incovenientes. Entre as vantaxes temos que destacar que este tipo de enerxía é limpa, non provoca unha contaminación atmosférica, a súa produción de enerxía eléctrica non depende das condicións climáticas, o custe do combustible é reducido en comparación co dos de orixe fósil, ademais boa parte do uranio pódese reciclar, proporciona unha independencia enerxética a aqueles países que carecen de enerxías fósiles e a produción pode adecuarse a demanda.
O seus inconvenientes son moi variados: o uranio é escaso e pode incrementarse o seu prezo conforme aumente a súa demanda, o enriquecemento e reprocesado do uranio é caro e xera contaminación, a construción das centrais ten que ter en conta os factores xeolóxicos do lugar, os reactores nucleares non ofrecen unha seguridade absoluta, problemas de almacenaxe, problemas de transporte de refugallos radioactivos,problemas de residuos radiactivos (cemiterio nucleares),...

A POLÉMICA EN TORNO Á ENERXÍA NUCLEAR
Tras a crise de 1973, moitos países apostaron pola enerxía nuclear e lanzáronse a contruír centrais nucleares para non depender do suministro de cru. Ao mesmo tempo xurdiu unha importante protesta social contra a enerxía nuclear.
Esa oposición suscitou un debate intenso naqueles países nos que os gobernos apostaron pola enerxía nuclear, que viuse agudizado por tres graves accidentes que tiveron lugar nas centrais de Harrisburg (Pensilvania) en 1979, de Chernóbil (Ucraína) en 1986 e de Fukushima Daiichi (Xapón) 2011. Estes accidentes e a forte oposición social levaron a moitos gobernos, entre eles España, a paralizar temporalmente ou permanentemente a construción e posta en marcha de novas centrais (moratoria nuclear).
Hoxe en día un amplo sector da opinión pública amósase favorable ó desmantelamento das centrais nucleares, polas consecuencias negativas que levan consigo. A recente alarma nuclear en Xapón reabriu o debate sobre o futuro da enerxía nuclear. Debe frearse o impulso deste tipo de enerxía no mundo?, son seguras as nosas centrais?, é posible un modelo de crecemento sen enerxía nuclear?, hai alternativas sostibles?

Có gallo do XXV aniversario do desastre nuclear de Chernóbil a RTVE 2, no programa a “Noite Temática” emitiuse o documental francés “A Batalla de Chernóbil”, dirixido por Thomas Johnson, de 94 minutos de duración e producida por Play Film, que nos relata a loita contra a radiactividade.

A BATALLA DE CHERNÓBIL

SIPNOSE


O 26 de abril de 1986 unha proba de seguridade na central nuclear de Chernóbil provocou ata o de agora unha das maiores catástrofes nucleares da historia, xunto coa recente catastrofe nuclear provocada pola planta nipona de Fukushima Daiichi, a 270 kilómetros ao noroeste de Tokio, onde tres dos seis reactores resultaron danados tras un erro no sistema de refrixeración. A explosión do cuarto reactor desencadeou unha reacción en cadea que ameazou con provocar unha segunda explosión aínda máis potente. Durante 8 meses, 800.000 soldados, mineiros e civís traballaron a contra reloxo para acabar coa radioactividade construíndo un sarcófago ao redor do reactor. Morreron aorredor de 10.000 persoas e máis de 100.000 cidadáns ucraínos foron evacuados, pero as cosecuencias do desastre continuan 25 anos despois.
Este documental trata de recrear unha batalla sen cuartel contra un inimigo invisible e mortal: a radioactividade.
Na actualidade a zona de Chernóbil segue sendo inhabitable e uns 8 millóns de persoas viven contaminadas nas áreas de Ucraína, Rusia e especialmente en Bielorrusia. Durante 20 anos, viviron rodeados de radioactividade, e os alimentos que consomen cultívanse en terras contaminadas. O problema foi ignorado polas autoridades. Entre os anos 1986 e 2001 uns 1.152 nenos foron operados de cancro de tiroides no centro especializado de Minsk. Ningunha estatística fíxose pública e séguese ocultando información sobre as consecuencias de dita radioactividade.

VÍDEOS


No hay comentarios:

Publicar un comentario